Lectura amena e substanciosa
abril 21st, 2009 | by O levantador de minas |
Tras o éxito acadado como autor de novelas destinadas prioritariamente ao público xuvenil, Marcos S. Calveiro fai a súa primeira incursión nunha colección de narrativa canónica cun texto que ten moitos ingredientes para ser o libro do ano, ese que periodicamente entusiasma por igual a lectores e crítica e que lle dá un pulo decisivo ao cómputo dos que se achegan de cando en vez ás nosas letras. Sorprendentemente, Festina lente chega a nós sen ese hipotético aval que constitúen os premios, non sabemos se por vontade do autor ou por cegueira dos xurados, pero con todos os requisitos para apañar moitos dos que se conceden ás obras logo de seren editadas.
Como novela histórica que é, ambientada na Compostela de finais do século XVI e comezos do XVII, lémbranos de xeito inevitable tanto O triángulo inscrito na circunferencia coma Xa vai o griffón no vento, e unha non pode deixar de congratularse intimamente de que esto sexa así por moitas razóns. En primeiro lugar, porque Festina lente é unha proba máis da revitalización que entre nós está a experimentar dita modalidade temática, que tanto significou no seu día para a modernización e expansión da nosa narrativa. En segundo, porque esa conexión intertextual pon de manifesto que a pegada deixada polos pioneiros foi máis fonda do que o vertixinoso amoreamento de novidades permite albiscar. Non sei se Marcos Calveiro leu eses e outros autores de nós, pero si que Festina lente é o froito dunha corrente dialóxica interxeracional, quizais subterraéna, e un elo máis dunha cadea de palabras que constitúe xa, texto a texto, parte da nosa tradición.
Compostela, nos duros tempos da Inquisición. Libros esotéricos. Condes bibliófilos. Un mestre e un aprendiz da dura arte da encadernación. A Catedral, medrando decote entre tirapuxas e envexas dos seus artífices. E, ecoando por baixo, a fala dos arxinas, dosificada con tino polo autor para que sexa unha melodía que acompañe o discorrer do relato sen atrancar en ningún momento a súa comprensión. De novo, un mundo gobernado pola intolerancia e, como antídoto, os libros como fonte de coñecemento, aínda que non necesariamente de felicidade, e como únicos cómplices posibles no camiño da liberdade. Unha boa ocasión tamén para que os que gostan destes temas relean ou descubran a Conde e a Freixanes.
Libros como Festina lente traen de novo ao debate literario a cuestión da lingua. Xulgado por certos sectores como obsoleto o valor filolóxico dos textos literarios como criterio de calidade, obras como esta son unha das poucas ocasións que a nosa literatura actual nos ofrece para disfrutar co noso idioma. Explotando ao máximo as posibilidades creativas que este ofrece, beireando o difícil equilibrio dun rexistro que, sen ser arcaizante, connote temporalmente a historia narrada, Calveiro cicela aquí, como os arxinas da súa novela, unha sólida construcción lingüística que engaiola de contino sen en ningún momento avasallar a un lector que, liña a liña, rencóntrase na faíscante solidez dun idioma que recoñece como seu.
A historia narrada avanza cronoloxicamente segundo o fai a vida do seu protagonista, Ambrosio Cavaleiro, dende que chega a Compostela para apreder o oficio da encadernación ata que morre na cidade logo de asegurarse, por azarosos camiños, a supervivencia dun misterioso códice. Salferindo un relato que fuxe dos requintamentos enunciativos e aposta polo narrador omnisciente clásico, algunas cartas e documentos notariais incorporan de forma sinxela ao discurso narrativo outras voces que conectan o argumento principal coa sociedade do tempo, e lémbrannos o portagonismo que o autor lle pretende dar na súa novela á palabra escrita.
Quizais o afán do autor por non extender en demasía o seu relato explica que algúns fíos argumentais se desenvolvan con certa precariedade ata que, xa contra o final, se nos revele o seu desenlace: refírome á historia do cego, personaxe que non se consegue ubicar ben no argumento, ou a de Luís de Paz e a súa estirpe, que semellan resultar innecesarias. Algo semellante acontece con certas digresións que en nada achegan para a progresión argumental, coma o capítulo adicado ás reliquias, e cuxa presencia só se explica para ilustrar a evolución ideolóxica de Ambrosio, o seu progresivo escepticismo e desencanto.
A construcción fragmentaria do discurso xógalle ao autor algunha mala pasada, pois fai que non repare en que os parágrafos que abren os episodios que empezan respectivamente nas páxinas 225 e 237 sexan case idénticos, e que ambos rematen coa mesma frase. Sen aparentes razóns estilísticas que xustifiquen esta reiteración, só podemos atribuirlla ás trapelas que nos tende ás veces a liberdade compositiva que permite a informática.
O título da novela pode traducirse por “Corre amodo”, o lema do célebre editor Aldo Manuzio. Se cadra, tamén podía ser o da nosa literatura, aínda precisada da achega que supón un texto coma este, de lectura tan amena coma sustanciosa.
Dolores Vilavedra
Nota: esta recensión foi publicada en 2008 en Grial. Revista galega de cultura, nº 179, paxs. 106-107.



