Sobrevivir nun mundo postapocalíptico

   Semella afortunada a definición que desta novela se fai na presentación editorial: “Novela de límites, de cuestións definitivas, da man dun autor que concibe a literatura como laboratorio de experimentación artística e discurso indagatorio no bosque do real”. Préstolle especial atención ás dúas últimas liñas porque me lembran o intento de caracterización da súa propia narrativa que Manuel Darriba facía hai unha ducia de anos: “Como dicía Stendahl, a literatura é poñer o espello á beira do camiño. Os temas máis recorrentes na miña obra son a idea de soidade, incomunicación, do azar…”. Estas palabras servían para precisar moitos trazos da novela do autor Velada do billarista  (Sotelo Blanco, ano 2000) e delimitan non poucos aspectos, sobre todo técnicos, da súa máis recente achega no eido narrativo: O bosque é grande e profundo. De novo unha novela de relatos, incrustada de cheo nos mundos utópicos e apocalípticos, tan frecuentados, sobre todo a literatura apocalíptica, nos últimos tempos, tanto dentro como fóra das nosas fronteiras.

   O xénero apocalíptico, tanto o bíblico que se estendeu durante catro séculos (dous antes e dous despois de Cristo), como o da actual narrativa é un fenómeno literario propio das épocas de crise que mira nomeadamente ao futuro, xa que tanto o pasado como o presente só ofrecen desconfianza. Endalí a relación entre utopía e apocalipse. Mais, como o lector non descoñece, ao lado das utopías positivas, existen as negativas, as distopías ou antiutopías, adiantamentos da historia facendo fincapé nos aspectos negativos derivados de catástrofes ou puntos débiles do tempo presente. As sociedades distópicas son escenarios onde se desenvolve a historia máis negativa. E nestes escenarios estarían todas as tramas apocalíticas ou, dito con máis precisión, postapocalípticas […]. {Ler máis en Novenoites}