Eulalia Agrelo e Isabel Mociño: “As traducións entre a literatura infantil e xuvenil galega e vasca”

Eulalia Agrelo Costas e Isabel Mociño González: “As traducións entre a literatura infantil e xuvenil galega e vasca” (PDF), Un mundo, muchas miradas / Mundu bat, begirada anitz, n.º 1, decembro 2008, Universidade do País Vasco/ Euskal Herriko Unibertsitatea, pp. 81-100 (ISSN: 1889-2663).

Isabel Mociño González: “Novos modos de análise. Investigación”

Achegarse á situación da investigación en Literatura Infantil e Xuvenil (LIX) en Galicia é falar dun fenómeno que non tivo lugar, practicamente, até finais do século XX, como, en maior ou menor medida, noutros ámbitos lingüísticos do marco ibérico. Unha das principais causas foi a concepción reducionista desta literatura, relegada a unha función didáctico-formativa marxinal, á que se supoñía unha capacidade instructiva, pero pouca calidade literaria. De feito a súa presenza na Universidade, institución académica na que tradicionalmente se desenvolve a investigación, dáse a partir da implantación nos anos noventa de materias específicas en titulacións como as de Mestre e, xa máis tarde, en programas de doutoramento e estudos de posgrao, que deron, polo momento, diversos traballos de investigación, aínda que insuficientes.

No entanto, a partir dos novos paradigmas epistemolóxicos, a LIX foi adquirindo un estatuto autónomo e demostrou que resistía o rigor científico aplicado á literatura institucionalizada ou de adultos. Neste senso, é importante o labor desenvolvido nos últimos anos por diversos grupos de investigación que centran os seus traballos nesta materia, como é o caso dos da Universidade de Santiago, CELT, dirixido por Blanca Roig, e integrado en LITER21. “Investigacións literarias, artísticas, interculturais e educativas. Lecturas textuais e visuais”, coordinado por Anxo Tarrío, e a “Literatura infantil e xuvenil e a súa tradución”, da Universidade de Vigo, liderado por Veljka Ruzicka Kenfel.

A estes investigadores únense os membros da Rede Temática de Investigación “Literaturas Infantís e Xuvenís do Marco Ibérico” (LIJMI, www.usc.es/lijmi), un grupo de especialistas de universidades de España, Portugal e Iberoamérica, coordinados dende a Universidade compostelá por Blanca Roig. Entre as actividades que levan a cabo anualmente está a elaboración de contidos do único curso de Perfeccionamento e Formación Continua que acolle todas as LIXs do marco ibérico. Un evento que se vén celebrando na Universidade de Santiago dende 2004 e que ten entre os principais obxectivos formar e informar aos discentes sobre estas literaturas, abrir liñas de investigación e preparar aos mediadores para que se acheguen á LIX con mirada filolóxica, crítica e investigadora. Para apoiar a formación, este curso propicia a publicación de monografías específicas en cada edición. Así, os clásicos, o multiculturalismo, o teatro ou a guerra civil foron algunhas das cuestións abordadas, sempre dende un enfoque comparatista.

Xunto a estas iniciativas vinculadas á institución académica hai que salientar o labor do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, que acolle a LIX en proxectos de investigación como os “Informes de Literatura” (www.cirp.es, apartado recursos), repertorio bibliográfico que se vén realizando dende 1995, dirixido por Blanca Roig. Nel achégase case todo o que se publica de e sobre literatura galega, incluída a LIX. Un informe innovador, que dá un descritor de cada traballo e a súa recepción, o que o converte en ferramenta indispensábel para os investigadores da materia.

En canto á bibliografía significativa é aínda insuficiente, pois obsérvase que as obras canonizadoras por excelencia (historias literarias, dicionarios, antoloxías, etc.) son moi contadas. En xeral abundan comentarios para orientar ao público nas novidades literarias e os das propias obras (prólogos, epílogos, dedicatorias), pero son escasos os traballos de crítica literaria académica ou científica, malia o aumento progresivo en revistas especializadas (AILIJ, Malasartes), non especializadas (Boletín Galego de Literatura, Grial), portais dixitais e publicacións periódicas, que teñen intención de ir máis alá da promoción das obras.

En xeral, obsérvase que se aposta por novos modos de analizar a LIX e de levar a cabo a ensinanza da literatura cara á adquisición da competencia literaria, aínda que o ritmo é lento. Neste senso, un dos grandes retos da Universidade do s. XXI será consolidar a investigación científica en LIX, pois para canonizar obras e ver agromar creadores clásicos é preciso coñecelas e facelas coñecer, analizalas, comparalas e poder situalas no sistema.

Nota: Pódese ampliar esta información en LIJMI (2008). Docencia, investigación y crítica de LIJ en el Marco Ibérico (2004-2007); e en B. Roig Rechou (2007). Investigación e Literatura infantil e xuvenil na CII: situación actual e propostas de futuro. Malasartes 15, “Estudos”, 25-33.

En Tempos Novos, “Protexta”, nº 6, “Especial LIX”, primavera 2008, p. 9.

Isabel Mociño González: “Ratas, de Xaquín Marín”

Nos últimos meses do ano 2006 viu a luz unha obra que, de pertencer a un sistema literario normalizado, tería saído do prelo a mediados dos anos setenta, momento no que o seu autor a levou a cabo. Trátase do volume de banda deseñada Ratas, do veterano ilustrador ferrolán Xaquín Marín (Ferrol, 1943), unha historia de ficción científica que foi publicada en lingua castelá en 1977 pola editora madrileña TCD na súa colección “3,1416 Comix”. Trinta anos despois desta primeira edición traducida, sae do prelo a versión orixinal en lingua galega desta obra fundacional da banda deseñada.

Dende o punto de vista gráfico presenta un deseño moi rico, no que cada páxina é diferente ás outras e co texto integrado no conxunto, o que o converte nun elemento gráfico máis. No que atinxe ao nivel lingüístico, a decisión editorial de manter o galego empregado polo autor no ano 1974, cando foi composta a obra e aínda non existía unha gramática normativizada, fai que manteña o carácter propio do momento, sen alteracións nin adecuacións, aínda que poida inducir a certa confusión, superada facilmente pola competencia do lectorado ao que vai dirixida, polo que non vai supoñer ningún atranco. Esta probablemente sexa a razón principal da breve presentación/xustificación editorial que abre o volume, na que se presenta esta iniciativa como unha “recuperación cultural”. En canto ao estilo, o emprego do branco e o negro, con deseños de liña grosa fai dos personaxes seres toscos, angustiados, de ollos desorbitados e expresións moi marcadas, que recrean á perfección o mundo apocalíptico que se recrea. Deste xeito, Ratas constitúe, aínda hoxe, un dos poucos exemplos de banda deseñada de ficción científica en lingua galega, malia a fortaleza que o sector ten experimentado nos últimos anos.

No que se refire ao contido, o protagonista é un astronauta que chega á Terra despois de moitos anos vagando pola Galaxia 33. Dende o primeiro momento observa que non parece existir vida sobre a faz do planeta e que a orde social que el deixou desapareceu baixo o poder de máquinas intelixentes, que son as únicas que aparentemente ocupan este novo mundo. O astronauta, sen nome, padece a persecución destes mecanismos intelixentes que tentan desfacerse del, aínda que logra sobrevivir coa axuda duns seres híbridos de home e rata, que o levan ao mundo subterráneo. Esta nova especie de ratas intelixentes, que sobrevive nun mundo paralelo, marxinal e oculto, son a única esperanza para combater as máquinas. Elas son as que lle explican o que pasou cos humanos e xuntos inician unha loita que os levará a un aparente triunfo final. Non obstante, a imaxe que se ofrece neste suposto mundo futuro resulta moi negativa, pois malia que aparece unha nova especie (homes-rata), esta non aprende a lección e parece abocada a volver cometer os mesmos erros. Este aspecto percíbese tanto pola presenza da guerra, que tingue o ambiente cunha atmosfera tétrica, coma polo adianto que o autor lle fai ao lectorado avisado a través da forte tensión das viñetas finais, nas que aparece de novo o renacemento das máquinas.

No momento no que o ilustrador ferrolán levou a cabo este traballo, de ver a luz entón estaría introducindo un elemento temático novo no feble corpus da banda deseñada galega, pois naquela altura non había ningún título con trazos propios da ficción científica, nin sequera propostas con continuidade, o que converte esta obra en fundacional. Non obstante, a súa publicación na actualidade, ademais de axudar a recuperar un documento histórico, tamén vén sumar unha peza máis ao “esqueleto básico da mudanza na realidade da linguaxe da historieta en Galicia”, como apunta Miguelanxo Prado na introdución.

En Malasartes (Cadernos de Literatura para a infância e a juventude), n.º 16, II série, “Recenções e notas críticas”, outubro 2008, Porto Editora, pp. 82-83 (ISSN: 0874-7296).

Isabel Mociño González: “A viaxe de Vionta, de Domingo Tabuyo”

Na Literatura Infantil e Xuvenil galega son aínda escasas as obras con trazos de ficción científica que se publican pensando nun público prelector ou lector autónomo. Nos exemplos que atopamos, practicamente sempre se dá a circunstancia de que os trazos propios da ciencia ou da descuberta do espazo están mesturados con outros de carácter fantástico ou marabilloso, o que condena ás obras a seren híbridos e non responder ás características propias desta modalidade narrativa. É este o caso dun dos últimos títulos de Domingo M. Tabuyo Romero (Pontevedra, 1957), o conto titulado A viaxe de Vionta. Malia que a temática central é unha viaxe no tempo e no espazo, a intervención da maxia e dos feitizos da maga Vionta son os que conseguen transportar aos protagonistas até a Lúa. Trátase dun grupo formado pola propia maga, un neno chamado Diego e os axudantes de Vionta, Silbo e Pinzo. Todos eles son vítimas da torpeza desta aprendiz de meiga, que cos seus erros de cálculo os leva a vivir grandes dificultades e temer polo regreso ao laboratorio. O éxito final da empresa dáse grazas á intervención dos astronautas dunha nave espacial norteamericana.

A través das peripecias dos protagonistas, o lectorado agardado coñece características do satélite terrestre como a falta de auga, de aire ou de erosión na súa superficie, feitos históricos como a presenza do home no lugar denominado o Mar da Tranquilidade e os nomes dos primeiros astronautas, así como alusións a películas e personaxes asociados coa empresa espacial ao longo da historia recente. Estas referencias históricas aparecen mesturadas co retrato dos personaxes, que oscilan entre a parodia e a risa, especialmente no caso da maga e os seus axudantes, que representan a ineptitude e a decadencia. Por outra parte, tamén son de destacar as constantes chiscadelas ao lectorado agardado a través da presenza de elementos do universo infantil, o que favorece a súa identificación tanto cos personaxes, especialmente con Diego, como co emprego de elementos das novas tecnoloxías, dos medios de comunicación ou de elementos lingüísticos propios destas idades. Deste xeito, o narrado adquire verosimilitude nunha obra de ritmo trepidante, acentuado polos constantes diálogos.

O relato está acompañado das ilustracións de Manuel Uhía (Portonovo, 1944), de estilo figurativo e realista, nas que emprega a técnica do claroscuro e as gamas frías: grises, azuis e violetas, coas que se logra recrear o espazo lunar. A través destes deseños o lectorado pode coñecer información e detalles sobre diferentes aspectos do relato, que por veces non aparecen na narración textual. Con obras coma esta, nas que se combinan os trazos propios da ficción científica cos do marabilloso, o lectorado irá configurando un corpus referencial cada vez máis amplo de títulos galegos nos que convive a actualidade máis próxima co universo máis distante e o seu coñecemento.

Mociño González, Isabel, “A viaxe de Vionta, de Domingo Tabuyo”, Malasartes (Cadernos de Literatura para a infância e a juventude), n.º 16, II série, “Recenções e notas críticas”, outubro 2008, Porto Editora, pp. 78-79 (ISSN: 0874-7296).