Isabel Mociño González: “O ceo dos afogados, de Francisco Castro”

A necesidade de volver a unha convivencia harmónica entre o home e a natureza é o tema central desta novela de marcado carácter ecoloxista de Francisco Castro (Vigo, 1966). Nela denúncianse os ataques indiscriminados aos animais e os vertidos de produtos tóxicos aos ríos, que finalmente rematan no mar. Un retrato da sociedade actual, na que os problemas adquiren carácter global e as solucións veñen, moitas veces, de individualidades dispersas. Son estes algúns dos ingredientes que conforman unha obra cun rico mosaico de personaxes e situacións que converxen nun reto común: salvar a vida do planeta e asegurar a supervivencia das especies.

O suxestivo título, tirado dun verso de Manuel Antonio, o gran poeta galego do mar, introdúcenos nunha atmosfera na que pairan malos presaxios e avisos de morte, aínda que o termo “ceo” poida ter connotacións positivas. Porque tenebroso e desacougante é o mar que domina os capítulos iniciais da obra, no que parece “coma se o aire ficase suspendido no medio dunha quietude ilóxica”, rota só por “algo negro e enorme”, unha especie de espírito do mar ou de fantasma que aterroriza ás testemuñas que teñen ocasión de observalo, como o submarinista dunha plataforma petrolífera no medio do Atlántico ou un pescador das Antillas. Eles serán só testemuñas privilexiadas que fican mudas por medo a que ninguén os crea, un pacto con ese ser que percorre o mar que eles tanto aman e coñecen. Na súa axuda sairán seres situados en lugares moi diferentes do planeta e que teñen en común unha forza vital e un afán de superación de incuestionable valor. É o caso dun adolescente de quince anos, chamado Jonathan, que padece un síndrome sen determinar que o incomunica cos humanos, aínda que parece comprender a linguaxe dos animais; unha loba mutilada, que vén de perder unha pata nun cepo e á súa propia cría, quen será a guía e protectora do adolescente; e un científico desequilibrado, ingresado nun psiquiátrico estadounidense, que a través do Internet dá a coñecer a súa hipótese sobre o fenómeno que desconcerta e atemoriza á humanidade. Un triángulo de seres marxinais, incomprendidos e mutilados, que demostran a súa capacidade de superación e entrega a unha causa común: parar a destrución do medio ambiente provocada polos residuos tóxicos de fábricas altamente contaminantes. Reivindícase deste xeito o respecto e a visibilidade das persoas que son diferentes, así como a grandeza que en determinadas ocasións demostran os animais, os cales sofren fondamente polas accións desapiadadas dalgúns humanos.

A novela, estruturada en dúas partes principais, que á súa vez contan con capítulos breves, desenvolve unha trama que xira arredor da descuberta de que algo escuro e sobrenatural está percorrendo o mar. Deste xeito, ao longo da primeira parte recréanse, a modo de pezas dun crebacabezas, os feitos que viven diferentes personaxes, moi distantes entre si, e que testemuñan o estraño fenómeno, o cal acadará a súa máxima expresión na visibilidade que adquire a concentración de todos os golfiños do planeta en doce puntos do océano. Unhas concentracións que se dispoñen en círculos case perfectos, nos que estes animais permanecen inmóbiles, como “afogados”, e, só de cando en vez, emiten ao unísono unha cadea de sons que parecen unha mensaxe cifrada.

Os esforzos por entender o que lles pasa a estes animais e por descifrar a súa mensaxe leva aos medios de comunicación a barallar as máis diversas hipóteses, dende unha conexión extraterrestre ata unha enfermidade global da especie. Pero a resposta virá duns poucos privilexiados, capaces de entender que se trata dunha chamada de alarma, da petición de axuda para rematar con diferentes focos de contaminación situados en distintos lugares do planeta.

Deste modo, exposto detalladamente o problema global ao longo da primeira parte da novela, Francisco Castro céntrase na segunda nun contexto máis netamente galego, ao facer xirar a trama arredor das accións e reaccións do adolescente protagonista, Jonathan, sempre en contraposición co desconcerto, angustia e frustración de seu pai, un químico que ve saltar os resortes da súa concepción científico-racionalista do mundo que o rodea. El tardará en ser capaz de ver que seu fillo pode entender a mensaxe cifrada dos golfiños e acudir só ao punto sinalado por estes para deter o vertido dunha fábrica ourensá de produtos tóxicos ao río. Unha xesta que pode levar a cabo grazas á axuda da loba mutilada, guía e protectora, que lembra inevitabelmente ao mito fundador de Roma, malia que o autor non explota o suficiente, baixo o noso punto de vista, a este personaxe, que encarna a grandeza da entrega total.

Unha novela de suspense e tensión na que se convida ao potencial lectorado adolescente a unha reflexión crítica sobre o maltrato aos animais, a falta de escrúpulos de empresas contaminantes ou a prevalencia dos intereses económicos sobre o ben común ou o respecto ao medio natural. Unha obra na que destaca a crueza e plasticidade con que son descritas algunhas situacións, como a loita da loba e o lobeto por escapar da trampa, escenas que conseguen arreguizar ao lectorado. Fronte a esta brutal realidade sitúase a sensibilidade coa que se abordan aspectos como o sentimento de culpa do pai de Jonathan cando non pode comprender ao seu fillo e a loita consigo mesmo ao enfrontarse a unha situación que ten que vivir en solitario e que por momentos o sobrepasa, o cal lle crea unha gran frustración. Sentimentos todos que conforman un interesante e rico retrato psicolóxico, fronte á desconexión e fragmentariedade do que se ofrece do adolescente, pechado no seu propio mundo e inaccesíbel aos que o rodean, agás os animais. En definitiva, unha novela cun ritmo trepidante, acentuado polo constante cambio de perspectivas e voces narrativas, que obrigan ao lectorado a reconstruír e encaixar as pezas soltas, as cales só no final adquiren sentido pleno.

En Malasartes (Cadernos de Literatura para a infância e a juventude), n.º 18, II série, “Recenções e notas críticas”, outubro 2009, Porto Editora, pp. 84-85.