Premios da Crítica 2010: Marga do Val e Víctor F. Freixanes

En representación da Sección da Crítica da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Laura Caveiro  envíanos a noticia oficial sobre os galardoados deste ano en lingua galega:

Poesía: A cidade sen roupa ao sol, de Marga do Val, poemario publicado en Edicións Espiral Maior en 2010. “Trátase dun poemario vital e reflexivo. A voz poética mergúllase en significativos episodios biográficos a xeito de particular educación sentimental”.

Narrativa: Cabalo de ouros, de Víctor F. Freixanes, novela publicada en Editorial Galaxia. “Parte do interesante artificio do cantar de cego a ofrece un estilo envolvente, compensado e denso”.

Laura Caveiro foi este ano a representante da Sección da Crítica Literaria enviada a Cáceres para propor os títulos galegos decididos oito días antes en Compostela.

A intervención, de Teresa Moure, por Dolores Vilavedra

A intervención de Teresa Moure é unha novela ben resolta, na que a autora terma con rigor dunha certa tendencia ao exceso estilístico, mais faino sen renunciar á textura da escrita que xa lle é característica. Cun ritmo ben pautado, uns personaxes convincentes na súa vontade por viviren instalados nas estremas do convencional, e unha voz narrativa menos invasiva do que podían resultar as de anteriores entregas da autora, A intervención é unha novela que nos fala de moitas, moitas cousas, e que pide ser relida porque nos obriga a facernos preguntas de non doada resposta. Máis alá dun primeiro nivel de lectura en que se nos anima a cuestionar o canon e a función da arte tal e como adoito a concebimos, a obra é tamén unha proposta para repensar conceptos tan solidamente establecidos que nin maxinamos que poidan entenderse de xeito diferente: a amizade, o amor ou a maternidade. Dolores Vilavedra

Texto extraído do artigo de Dolores Vilavedra «De autores e de editores» publicado no suplemento «Luces» de El País Galicia o 28 de maio de 2010.

(Vía blogue Edicións Xerais)

Bater de sombras, de Francisco X. Fernández Naval

Espiral Maior, Culleredo, 2010, 64 páxs., 13 €

Galardoado na décima edición do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño é este un poemario articulado baixo unha elaborada urdime simbólica que se contén no termo “sombra” –non é mala idea apoiarse na lectura no dicionario de Cirlot-. Desde aquí e asumindo as súas posibles dimensións significativas, posibilítase ese intento de asomarse ao inapreixable, de moverse sutilmente polo descoñecido, a través de imaxes visionarias que se proxectan nun universo persoal mais tamén universal, gobernado sempre pola atenta observación do sentimento dunha condición humana marcada polo misterio, a soidade, o baleiro ou a propia escuridade.

Velaquí o video da presentación do libro no Liceo de Ourense, nun acto celebrado o 12 de decembro de 2010 no que participaron o autor, Miguel Anxo Fernán-Vello e Carlos Arias:

(Vía Caderno da crítica)

nós escoitando o badalo de marienplatz, de Eli Ríos

Na Praza de María, unha praza incógnita dedicada a unha señora que ben podería pasear calquera rúa do mundo con zapatos apresados e brillantes, soa un badalo que só nós escoitamos desde a casa. Nós, é dicir, o eu deste poemario e os seus mundos interiores, desde a súa propia atalaia a esculcar un terreo ermo, agreste, reflexo irónico dun baleiro psíquico (hai baleiros da alma / escondidos / nas pregas escuras / das nubes) que se alimenta do estatismo dunha vida fundamentalmente caseira. Unha sorte de furado negro que se engole a si mesmo, ou unha eterna ouróboros que, reconcentrada en si mesma, impide a conquista do espazo exterior así como o éxito que a exploración comporta. Sigue lendo

A gran novela de São Paulo

Xosé Manuel Eyré: “A gran novela de São Paulo non pode se facer ignorando a favela. A gran novela da favela quizais tamén non sexa posíbel escribila no Brasil. Cando menos, Júlio Ludemir, logo de publicar, no 2004, Sorrí, estás na Rocinha non ficou á vontade no Rio de Janeiro.

E quizais esta Periferia de Iolanda Zúñiga sexa a gran novela de São Paulo, o gran romance favelario. Periferia hai que entendela inserida na eclosión, desde hai dúas décadas máis ca nada, da literatura feita nas favelas ou sobre as favelas. Non desmerecemos a Cidade de Deus de Paulo Lins, o primeiro título referencial á hora de falar desta novela de Zúñiga.

Sigue lendo

‘Pel con pel’: a fotografía que nos alimenta de poesía

[…] Son dez os poetas que prestan as súas palabras a un volume no que se poden ver, entre outras, as instantáneas de Concha Lagoa, Teresa Freiría, Paloma Escobar ou Daniel Cameselle.

O conxunto de fotografías é o resultado do certame que anualmente convoca Fedegalma e que este ano gañou Manuel Díaz Mata.

Ademais de Álvarez Cáccamo, o volume inclúe os textos de Begoña Caamaño, Alfredo Ferreiro, Yolanda Castaño, Francisco Castro, Dores Tembrás, Eduardo Estévez, Ledicia Costas, Marta Dacosta e Román Raña. […] (Galicia Hoxe)