Premios da Crítica 2011: Olga Novo e Antón Riveiro Coello

Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello, Galaxia, Vigo, 2011

Antón Riveiro Coello (Xinzo de Limia, 1964), funcionario da Xunta de Galicia e presidente da Asociación Cultural Barbantia, é un narrador de traxectoria consolidada ao longo dos últimos anos, con títulos como As rulas de Bakunin (2000) e Os ollos de K (2007), caracterizados por unha prosa áxil e un ritmo cinematográfico que levan a bo porto tramas frecuentemente baseadas na intriga.
Laura no deserto é unha novela composta por catro relatos entrelazados, que terminan confluíndo e dando resolución a unha trama que nos leva desde 1936 aos anos 80, e que aborda o xenocidio nazi, o exilio e os campos de concentración franquistas. A partir de datos reais, como a vida de Mercedes Núñez, presa no cárcere de Ventas e confinada no campo nazi de Ravensbrück, o autor compón con mestría varias historias en torno ao sentimento de culpa en situacións de inferno colectivo, con distintos narradores e escenarios: Pobra do Caramiñal, Compostela, Carcasone, Nova York e Berlín.

Cráter, de Olga Novo, Toxosoutos, Noia, 2011 (Prólogo de Carmen Blanco)

Olga Novo (Vilarmao, Pobra do Brollón, 1975) é profesora de instituto, con anos de docencia nas Universidades de Rennes e Lorient, e estudos de poesía galega como Uxío Novoneyra, lingua loaira (2005). Tras darse a coñecer como poeta en revistas e volumes colectivos, publica o seu primeiro libro en 1996: A teta sobre o sol. Con libros como Nós nús (1997), A cousa vermella (2004) e Monocromos (2006: algúns destes poemas foron reescritos no libro hoxe premiado), revélase cunha poética innovadora e persoal, recoñecida por lectores e críticos.
Cinsa, lava, pedra e rocha son fenómenos que acompañan a erupción dun volcán ou o choque dun meteoro, e no poemario Cráter representan as “emanacións vitais” da autora, aquí poetizadas. Chama a atención a potencia desta poesía ligada á terra e á sexualidade, na que a pobreza da estirpe se converte en relato mítico de deusa labrega. En torno a Galicia, Bretaña e a Italia do Vesubio crea mundos poéticos de forza surrealista e vocación libertaria.