Isabel Mociño González: “Ratas, de Xaquín Marín”

Nos últimos meses do ano 2006 viu a luz unha obra que, de pertencer a un sistema literario normalizado, tería saído do prelo a mediados dos anos setenta, momento no que o seu autor a levou a cabo. Trátase do volume de banda deseñada Ratas, do veterano ilustrador ferrolán Xaquín Marín (Ferrol, 1943), unha historia de ficción científica que foi publicada en lingua castelá en 1977 pola editora madrileña TCD na súa colección “3,1416 Comix”. Trinta anos despois desta primeira edición traducida, sae do prelo a versión orixinal en lingua galega desta obra fundacional da banda deseñada.

Dende o punto de vista gráfico presenta un deseño moi rico, no que cada páxina é diferente ás outras e co texto integrado no conxunto, o que o converte nun elemento gráfico máis. No que atinxe ao nivel lingüístico, a decisión editorial de manter o galego empregado polo autor no ano 1974, cando foi composta a obra e aínda non existía unha gramática normativizada, fai que manteña o carácter propio do momento, sen alteracións nin adecuacións, aínda que poida inducir a certa confusión, superada facilmente pola competencia do lectorado ao que vai dirixida, polo que non vai supoñer ningún atranco. Esta probablemente sexa a razón principal da breve presentación/xustificación editorial que abre o volume, na que se presenta esta iniciativa como unha “recuperación cultural”. En canto ao estilo, o emprego do branco e o negro, con deseños de liña grosa fai dos personaxes seres toscos, angustiados, de ollos desorbitados e expresións moi marcadas, que recrean á perfección o mundo apocalíptico que se recrea. Deste xeito, Ratas constitúe, aínda hoxe, un dos poucos exemplos de banda deseñada de ficción científica en lingua galega, malia a fortaleza que o sector ten experimentado nos últimos anos.

No que se refire ao contido, o protagonista é un astronauta que chega á Terra despois de moitos anos vagando pola Galaxia 33. Dende o primeiro momento observa que non parece existir vida sobre a faz do planeta e que a orde social que el deixou desapareceu baixo o poder de máquinas intelixentes, que son as únicas que aparentemente ocupan este novo mundo. O astronauta, sen nome, padece a persecución destes mecanismos intelixentes que tentan desfacerse del, aínda que logra sobrevivir coa axuda duns seres híbridos de home e rata, que o levan ao mundo subterráneo. Esta nova especie de ratas intelixentes, que sobrevive nun mundo paralelo, marxinal e oculto, son a única esperanza para combater as máquinas. Elas son as que lle explican o que pasou cos humanos e xuntos inician unha loita que os levará a un aparente triunfo final. Non obstante, a imaxe que se ofrece neste suposto mundo futuro resulta moi negativa, pois malia que aparece unha nova especie (homes-rata), esta non aprende a lección e parece abocada a volver cometer os mesmos erros. Este aspecto percíbese tanto pola presenza da guerra, que tingue o ambiente cunha atmosfera tétrica, coma polo adianto que o autor lle fai ao lectorado avisado a través da forte tensión das viñetas finais, nas que aparece de novo o renacemento das máquinas.

No momento no que o ilustrador ferrolán levou a cabo este traballo, de ver a luz entón estaría introducindo un elemento temático novo no feble corpus da banda deseñada galega, pois naquela altura non había ningún título con trazos propios da ficción científica, nin sequera propostas con continuidade, o que converte esta obra en fundacional. Non obstante, a súa publicación na actualidade, ademais de axudar a recuperar un documento histórico, tamén vén sumar unha peza máis ao “esqueleto básico da mudanza na realidade da linguaxe da historieta en Galicia”, como apunta Miguelanxo Prado na introdución.

En Malasartes (Cadernos de Literatura para a infância e a juventude), n.º 16, II série, “Recenções e notas críticas”, outubro 2008, Porto Editora, pp. 82-83 (ISSN: 0874-7296).