Vidas que evolucionan como nubes

Unha fría estación de autobuses pode ser un bo lugar para aprender da vida e para atopar un sitio no mundo. É unha das moitas e interesantes conclusións que se poden tirar desta novela de Andrea Maceiras (A Coruña, 1987), unha moza xa con certa experiencia nos eidos literarios (narrativa e poesía) e que con esta novela, Nubes de evolución, quedou finalista do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil na convocatoria do ano 2011. No pasado mes de xaneiro Edicións Xerais editou a novela na colección “Fóra de xogo”.

Nubes de evolución é unha historia de fríos, de inestabilidades, de soidades, de encontros casuais, por veces inverosímiles, e de personaxes que, unidos por a frase dunha cancións dos Rolling Stones (Angie) e tamén pola presenza de dúas persoas co mesmo nome, unha delas soamente evocada ao final do relato, conseguen atoparse a si mesmas […]. {Ler máis en Novenoites}

Atracción e sedución: Xelmírez pálido e vermello

Que Pere Tobaruela teña tal integración nas letras de noso como para entregarmos este relato de corte histórico e xeito cinematográfico é un fermoso agasallo literario. Del atraen dende o inicio o roubo do códice, o erotismo histórico dun Diego Xelmírez que percorre coa mirada o corpo da amante, que se pon vermello porque é novo, que se porá pálido para levar adiante o plan do bispo de Iria, o poderoso Páez…

Non ancorou Tobaruela o ritmo do texto con innecesarios datos históricos das andainas daqueles tempos, 1086, senón que pintou, coa naturalidade da escrita que flúe coma as augas dun río de vivas correntes, e con tensión sostida, un ambiente animado polos sentimentos. Como os que fai nacer nun cabaleiro, desfigurado na batalla, unha atractiva curandeira dos camiños que recendía ao salgueiro que empregaba nas súas beberaxes. Porque se ben o protagonismo será de Xelmírez, que arrastra sempre a acción tras de si, non menos insinuantes resultarán outros personaxes, sexan de Compostela ou de Toledo, os dous lugares cruciais da trama. Velaí un Afonso VI, ao mesmo tempo histórico e imaxinario, pero en todo caso sen a entronización que certa historiografía prestoulle.

As escasas duascentas páxinas deixan, ao rematar a súa lectura, o pouso das narracións de aventuras que indo ao esencial procuran a dimensión do heroico. Será que sufrimos a chamada síndrome de Stendhal ante a imaxe da catedral de Santiago, aínda en construcción, cos canteiros a traballar nela? Ou ante a beleza da miniatura do pergamiño, coa barca de pedra e os corpos mutilados no medio da violencia das augas?

Batallas, romanticismo, asasinatos, amizade, cárcere, desexo, violacións, mortes, e traizón, moita podre traizón arredor dun Xelmírez aínda estudante, clérigo e namorado. Dende a perspectiva da creación literaria espreme Pere Tobaruela un abano de posibilidades que non defraudan ao se converter en ficción. Que o argumento, insólito de entrada, do roubo dun códice, con bispos, sexo e cobiza, poida resultar tan familiar estes días, non ha de ser senón un acicate máis para ler esta novela que semella buscar a sedución hipnótica das miniaturas medievais. E acádao.

Laura Caveiro. Publicado en Faro da Cultura, 28/02/2013.

O equipo Aspanitas en defensa das Burgas

A historia da literatura infantil e xuvenil galega é, como escribiu un indiscutible mestre do xénero, a crónica dun agromar difícil (A. Fernández Paz, A literatura infantil e xuvenil en galego,páxina 9). A súa invisibilidade, sobre todo para a crítica, foi manifesta durante moito tempo e o seu recoñecemento social, pouco menos que nulo. Mais, afortunadamente o panorama ten cambiado nos últimos anos. Nos poucos medios impresos dos que dispón a crítica galega – “Faro da Cultura” é un dos poucos que aínda resisten- a literatura infantil e xuvenil non está esquecida  nin é marxinal a súa presenza, ao menos no medio citado. Ten así mesmo medrado o recoñecemento social dos autores e autoras que escriben libros que tamén poden ler os cativos. Nestas datas temos mostras evidentes de todo iso. Refírome ao ben merecido doutoramento honoris causa de Agustín Fernández Paz e á elección como membro numerario da RAG de Fina Casalderrey.

   Un dos escritores que máis teñen contribuído a que ese difícil  agromar sexa hoxe unha realidade, é Ramón Caride. Un poeta e narrador para adultos que escribe sabendo como se fan os relatos e as novelas e que non por iso crea subprodutos, contradicindo as recentes e moi polémicas opinións de Jaureguizar. A ampla e abondosa produción do escritor de Cea e Cambados -dezanove libros de literatura infanto-xuvenil- soe gustarlle os seus destinatarios naturais  pero tamén aos adultos que os len, porque os seus libros non conteñen febles historias para nenos que semellan subnormais […]. {Ler máis en Novenoites}

Marcos Calveiro: Palabras de auga (Xerais)

Palabras de auga, de Marcos CalveiroRamón Nicolás: “Había xa algún tempo que quería escribir sobre este galardoado Palabras de auga, de Marcos Calveiro, co que conseguiu o premio Merlín de Literatura Infantil 2012 cunha proposta que, particularmente, non defraudou nin un chisco as expectativas que depositara nel.

Palabras de auga,  deste xeito, articúlase como unha desas pezas insustituíbles para  a engrenaxe que vivifica a literatura infantil e xuvenil de noso, mais non só pois, persoalmente, pasei polas súas páxinas alleo a etiquetaxes, atento tan só ao que a ficción ofrecía, que é moito e bo.

O libro de Marcos Calveiro hibridiza, con fortuna, elementos que teñen que ver coa narrativa propia de intervención social coa de aventuras iniciáticas e faino, moi conscientemente, situándonos nun espazo distante, mais ao tempo próximo, como é o dunha tribo africana sometida a numerosos avatares que todo o tempo apuntan cara ao concepto de sobrevivencia e ao da propia condición humana, mesmo ao rol desenvolto pola muller naquela sociedade, focalizado a través do personaxe de Amadou, quen posibilita coñecer as claves dun universo transmitido con transparencia e, asemade, exposto con toda a crueza que as extremas condicións de vida carrexan […]” {Ler máis no Caderno da Crítica}

Isabel Mociño González: “Novos modos de análise. Investigación”

Achegarse á situación da investigación en Literatura Infantil e Xuvenil (LIX) en Galicia é falar dun fenómeno que non tivo lugar, practicamente, até finais do século XX, como, en maior ou menor medida, noutros ámbitos lingüísticos do marco ibérico. Unha das principais causas foi a concepción reducionista desta literatura, relegada a unha función didáctico-formativa marxinal, á que se supoñía unha capacidade instructiva, pero pouca calidade literaria. De feito a súa presenza na Universidade, institución académica na que tradicionalmente se desenvolve a investigación, dáse a partir da implantación nos anos noventa de materias específicas en titulacións como as de Mestre e, xa máis tarde, en programas de doutoramento e estudos de posgrao, que deron, polo momento, diversos traballos de investigación, aínda que insuficientes.

No entanto, a partir dos novos paradigmas epistemolóxicos, a LIX foi adquirindo un estatuto autónomo e demostrou que resistía o rigor científico aplicado á literatura institucionalizada ou de adultos. Neste senso, é importante o labor desenvolvido nos últimos anos por diversos grupos de investigación que centran os seus traballos nesta materia, como é o caso dos da Universidade de Santiago, CELT, dirixido por Blanca Roig, e integrado en LITER21. “Investigacións literarias, artísticas, interculturais e educativas. Lecturas textuais e visuais”, coordinado por Anxo Tarrío, e a “Literatura infantil e xuvenil e a súa tradución”, da Universidade de Vigo, liderado por Veljka Ruzicka Kenfel.

A estes investigadores únense os membros da Rede Temática de Investigación “Literaturas Infantís e Xuvenís do Marco Ibérico” (LIJMI, www.usc.es/lijmi), un grupo de especialistas de universidades de España, Portugal e Iberoamérica, coordinados dende a Universidade compostelá por Blanca Roig. Entre as actividades que levan a cabo anualmente está a elaboración de contidos do único curso de Perfeccionamento e Formación Continua que acolle todas as LIXs do marco ibérico. Un evento que se vén celebrando na Universidade de Santiago dende 2004 e que ten entre os principais obxectivos formar e informar aos discentes sobre estas literaturas, abrir liñas de investigación e preparar aos mediadores para que se acheguen á LIX con mirada filolóxica, crítica e investigadora. Para apoiar a formación, este curso propicia a publicación de monografías específicas en cada edición. Así, os clásicos, o multiculturalismo, o teatro ou a guerra civil foron algunhas das cuestións abordadas, sempre dende un enfoque comparatista.

Xunto a estas iniciativas vinculadas á institución académica hai que salientar o labor do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, que acolle a LIX en proxectos de investigación como os “Informes de Literatura” (www.cirp.es, apartado recursos), repertorio bibliográfico que se vén realizando dende 1995, dirixido por Blanca Roig. Nel achégase case todo o que se publica de e sobre literatura galega, incluída a LIX. Un informe innovador, que dá un descritor de cada traballo e a súa recepción, o que o converte en ferramenta indispensábel para os investigadores da materia.

En canto á bibliografía significativa é aínda insuficiente, pois obsérvase que as obras canonizadoras por excelencia (historias literarias, dicionarios, antoloxías, etc.) son moi contadas. En xeral abundan comentarios para orientar ao público nas novidades literarias e os das propias obras (prólogos, epílogos, dedicatorias), pero son escasos os traballos de crítica literaria académica ou científica, malia o aumento progresivo en revistas especializadas (AILIJ, Malasartes), non especializadas (Boletín Galego de Literatura, Grial), portais dixitais e publicacións periódicas, que teñen intención de ir máis alá da promoción das obras.

En xeral, obsérvase que se aposta por novos modos de analizar a LIX e de levar a cabo a ensinanza da literatura cara á adquisición da competencia literaria, aínda que o ritmo é lento. Neste senso, un dos grandes retos da Universidade do s. XXI será consolidar a investigación científica en LIX, pois para canonizar obras e ver agromar creadores clásicos é preciso coñecelas e facelas coñecer, analizalas, comparalas e poder situalas no sistema.

Nota: Pódese ampliar esta información en LIJMI (2008). Docencia, investigación y crítica de LIJ en el Marco Ibérico (2004-2007); e en B. Roig Rechou (2007). Investigación e Literatura infantil e xuvenil na CII: situación actual e propostas de futuro. Malasartes 15, “Estudos”, 25-33.

En Tempos Novos, “Protexta”, nº 6, “Especial LIX”, primavera 2008, p. 9.