Hóspede perpetuo no hospital

Non é a primeira vez que Xosé Monteagudo ficcionaliza feitos e acontecementos reais. Lembro, como tal, a súa novela Un tipo listo (Galaxia, 2009), na que narra desde o territorio da ficción o enorme calote financeiro  producido nunha sucursal dun banco de Vigo, atribuído ao director da mesma, Pepe do Banco Pastor. Recunca arestora con esta novela breve, O curioso mundo las persoas normais, inspirada asemade nun caso real: a vida dopaciente do cuarto 415 do Hospital Provincial de Pontevedra, Agapito Pazos, falecido no ano 2010, logo de pasar setenta e sete anos nesas dependencias, tras serlles detectado, cando foi abandonado con apenas dous anos, alá polos anos trinta, un certo atraso mental e espiña bífida, que o convertían nun discapacitado.

Da noticia xornalística entón publicada, xorde a cerna desta historia que, porén, non é a biografía deste paciente perpetuo, senón unha verdadeira ficción contada desde un peculiar punto de vista do autor, froito todo dun verdadeiro acto creativo, se ben o paciente real (Agapito Pazos) e o personaxe da novela comparten certos trazos (o medo ás gaivotas e a saída fóra das paredes do Hospital durante un fin de semana). Todo o demais, sobre todo a visión do mundo real que ten o personaxe de Xosé Monteagudo, é froito do seu maxín.

O gran reto para o escritor foi sen dúbida atopar a perspectiva axeitada para contar unha historia dun personaxe que non se move do escenario das catro paredes dun cuarto hospitalario, sen resultar o seu relato unha historia insufrible, sen aburrir ao lector. E atopouna o escritor facendo desfilar a través dos ollos do seu personaxe unha boa parte da historia do século XX, sen excluír  a Guerra Civil. Endalí que o personaxe da novela ingresa no centro hospitalario, non no ano 1933 con dous anos como Agapito Pazos, senón un pouco antes para dotalo de capacidade de percibir a través de voces vicarias o acontecido no ano 36 […]

{Ler máis en Novenoites}