Das críticas vas á boa crítica

Con demasiada frecuencia escóitanse críticas persistentes sobre varios sectores do sistema literario, como se quen falase descubrise un mal conxénito, unha pesada cruz coa que a súa sensíbel mente ou o seu sufrido talento tivesen que cargar desde a orixe dun seu magmático patriotismo. “Neste país só hai cinco verdadeiros poetas, como moito”, teño ouvido de veteranas plumas; “Os premios literarios están amañados, pois non pode ser que gañen sempre aquelas que gañan”, teño escoitado xa nin sei se en soños ou entre murmurios de última hora; “As editoras publican sempre os mesmos” ou “As institucións pagan as viaxes aos de sempre”, e afirmacións deste teor aparecen e desaparecen continuamente como aquelas variedades de nubes que estudamos na primaria, e que mostran a insatisfacción permanente daqueles que non toleran a sombra cando outros apañan un sol supostamente cegador.

Evidentemente, a crítica literaria non se salva da queima que promoven estas sulfúricas linguas: “Os críticos sempre eloxian as obras dos amigos”, ou “De min falou mal porque non me trata, e con alguén ten que xustificar a cota de críticas negativas do ano”, por exemplo. Non é fácil, como xa teño defendido, escribir libros nunha lingua con tan poucos lectores, vender libros en tan exiguo mercado e facer crítica sen medios de suficiente divulgación. Estamos a falar, amigos e amigas, de traballos que esixen unha entrega tamaña e que logo non dispoñen de boa pista para despegar. E mentres tanto esforzámonos, algúns que moito menos fornecen botan a lingua a pacer e sen contemplacións desprezan traballos que eles propios non son quen de facer nin dispondo de varias reencarnacións […].

Alfredo Ferreiro {Ler máis en Praza Pública}