Memorias dun «dióscuros» ferrolán

Conta Fernando Pérez-Barreiro Noalla neste moi interesante libro de memorias que, sendo estudante de dereito en Santiago, Ramón Piñeiro lle confesou, arredor daquela famosa mesa-braseiro pola que pasou máis dunha vez, que el e Xosé Manuel López Nogueira eran os “dióscuros” ferroláns e que tiñan nas súas mans o futuro do ensaio en galego. Os avatares da vida fixeron que non se cumprira ese prognóstico e que Fernando Pérez-Barreiro se realizase profesionalmente primeiro como redactor e locutor dos servizos exteriores da BBC, e máis tarde como xefe do servizo de tradución da Organización Internacional do Café. Tamén, como tradutor ao galego dunha obra de teatro de Shakespeare e como autor  das primeiras tradución directas do chinés ao galego. Mais é unha das millentas anécdotas  e revelacións que descubrimos tirando polos fíos do nobelo da vida deste intelectual galego, pouco coñecido en Galicia porque a súa vida desenvolveuse na súa meirande parte fóra de Galicia, se ben nunca foi alleo á evolución do nacionalismo e dos proxectos galeguistas.

Un título moi acaído, Amada liberdade, para seguir os roteiros da vida dun home que sempre quixo ser libre, un resistente teimudo a perder a liberdade, como se deduce do fracaso dos intentos do Opus en Galicia para que ingresase na institución, e tamén polos xuízos e valoracións da súa relación con Ramón Piñeiro. Como di a que foi a súa muller e compañeira, Teresa Barro, o seu proxecto vital contemplaba a independencia e unha vida sinxela, sen renunciar, porén, nunca ao galeguismo, malia que máis da metade da súa vida estivesen os dous afastados xeograficamente da nosa terra […]. {Ler máis en Novenoites}

Agasallos da memoria

O rastro que deixamosO rastro que deixamos, de Agustín Fernández Paz
Agustín Fernández Paz
Edición de Isabel Soto
Edicións Xerais, Vigo, 2012, 239 páxinas

Francisco Martínez Bouzas: “Desde hai abondos anos teño ben entendido que non é papel do crítico valorar unha obra do xénero que sexa en base a criterios paraliterarios; e aínda menos desde a empatía ou afastamento que o comentarista sinta verbo da personalidade do autor. Iso sería a deturpación do labor de análise dun libro. Non o require, de por parte, o autor desta obra, non xente de segunda fila, senón un dos grandes, non só entre nós, desa literatura que tamén lle gusta  a nenos e  a nenas. Concéntrome pois  nos miolos do texto, na trama e estrutura do libro, cuxos orixes mostra nun epílogo aclaratorio a editora da obra, Isabel Soto.

   O rastro que deixamos é un libro de natureza híbrida, estruturado en dúas grandes seccións. A primeira, sen dúbida a máis engaiolante, que pode ser encadrada dentro das narrativas facticias, máis en concreto, na literatura do eu […]” {Ler máis en Nove noites}