O asasinato do Cantino: os seus autores intelectuais

   Malia que nunca tivo nada que ver coa política, Manuel Mayán Ramos, coñecido como o Cantino, foi executado o 10 de outubro de 1936, acusado de rebelión  militar. Tiña  daquela vinte e seis anos e segundo Xerardo Agrafoxo, o historiador que reconstrúe a súa dramática historia, matárono por se atopar nos primeiros días do alzamento militar contra o goberno da República no lugar equivocado.

   A personalidade de Ramón Mayán Ramos parécese moi pouco á versión que co nome de Dombodán nos ofreceu no seu día Manuel Rivas en O lapis do carpinteiro: un rapaz retrasado e de poucas luces. Segundo a documentación que manexou X. Agrafoxo, o Cantino era unha persoa humilde que traballaba como camareiro, mais espelido, que defendeu o réxime constitucional e ao día seguinte do alzamento militar foi capaz de subir a un camión para requisar peixe en Muros, cargar os camións dos mineiros de San Finx con dinamita e escopetas. Logo estivo fuxido durante uns días ata que viñeron por el.

   Xerardo Agrafoxo levaba desde o ano 1982 investigando a figura de o Cantino e as circunstancias que provocaron o seu fusilamento no cemiterio de Boisaca. Mais non atopou a resposta a pregunta de quen o denunciou e de quen o acusou diante do tribunal militar ata que tivo aceso nos arquivos militares á causa 294/36, un sumario completo no que aparecen os nomes das persoas que o acusaron  o Cantino duns actos que non cometeu  e polo que perdeu a vida nun abraiante acontecemento. Xerardo Agrafoxo, coa afouteza que merecen os inxustamente inmolados na represión e crimes contra a humanidade cometidos en Galicia durante a Guerra Civil, non agacha os nomes dos que participaron na condena a morte do Cantino: membros do consello de Guerra e testemuñas sobre todo […]. {Ler máis en Novenoites}

Oportuna cartografía dos feminismos

“O feminismo aconteceu cando as mulleres aprenderon a dicir EU”, escribiu Gayle Greene. E este aprender a dicir EU, noutras palabras, o feminismo como conxunto de reivindicacións artelladas sobre una alicerce teórico, aparece por primeira vez -e como un froito mái da mesma- durante a Ilustración. Nun momento no que parecía que agromaban e se facían realidade os ideais ilustrados e da Revolución francesa (“liberdade, igualdade, fraternidade”), algunhas mulleres tiveron a coraxe de facer uso da política para reclamar os seus dereitos nesa sociedade dos iguais. Aínda que houbo precursoras tanto na antigüidade (Grecia, Roma), como na Idade Media e no Renacemento, como acertadamente se recolle neste libro enciclopédico, realmente foron mulleres aleitadas nos ideais da Revolución francesa -pensemos por exemplo en Olympia de Gougues ou Mary  Wollstonecraft- as que puxeron en valor as teorías e as prácticas feministas.

De todo iso, das orixes e expansión dos feminismos polo mundo enteiro e nos diversos territorios da actividade humana, é unha excelente mostra este libro escrito a catro mans por Olga Castro e María Reimóndez. Con espírito á vez enciclopédico, totalizador e divulgativo, as autoras achégannos un cobizoso proxecto: dar conta “dos feminismos na xeografía e na historia”, como escribe a prologuista, Belén Martín Lucas. Todo aquilo que pode resultar relevante para podermos ter unha idea cabal dos feminismos está presente nesta publicación […]. {Ler máis en Novenoites}

Reto do seu puño e letra

Adiantan no limiar Helena González e María do Cebreiro Rábade, editoras deste libro, cal sería a esencia de “Canon y subversión. La obra narrativa de Rosalía de Castro”: convidar á relectura dunha obra cuxa complexidade resulta un reto. Se un certo desconcerto semellou acompañar a recepción crítica da prosa de Rosalía de Castro, con loables excepcións entre as que se atopa Pilar García Negro, serán estas páxinas as que nos conviden a reler a novelística de Rosalía no seu conxunto, poñendo a atención no seus trazos de pioneira do feminismo literario.

Sequera de xeito sintético, e seguindo as verbas das editoras, e tamén colaboradoras, non podemos deixar de mencionar as aportacións das nove especialistas que participan nesta obra. Catherine Davies abre o libro cun capítulo panorámico sobre a producción rosaliana; Dolores Vilavedra analiza algunhas das tensións autoriais que se establecen a consecuencia dos procesos de canonización; Joana Masó fálanos sobre as declinacións da autoría na obra rosaliana, sobre que é unha autora para Rosalía; María do Cebreiro Rábade analiza o mito do progreso no proxecto cultural rosaliano; Margarita García Candeira céntrase en “La hija del mar”: a singular poética do deserto e a utopía; Helena Miguélez Carballeira afonda na crítica social e política de “El caballero de las botas azules” entendida como texto antisistema; María Xesús Lama estuda a cuestión da musa andróxina e o cabaleiro das botas azuis como defensa da rexeneración; Isabel Clúa adéntrase nos novos espazos do gótico en “El caballero de las botas azules” e, seguindo os rastros do gótico, Helena González achégase a “El primer loco” como novela fantástica coas conexións intertextuais con outros autores dese xénero que influiron en Rosalía.

Dende a mesmísima portada, na que vemos un manuscrito de Rosalía, esas palabras do seu puño e letra!… ata rematar a lectura deste volume de ensaios, mergullámonos no desafío que é achegarse, dende un crisol de sensibilidades, a unha narrativa incómoda, que habita na excepcionalidade e na vindicación. Literatura que conxuga crítica social e política, vindicación total, coa crítica aos modelos literarios do seu tempo, con máis vindicación e máis sarcasmo canto máis rancios eles fosen. Sedutor reto, abofé.

Laura Caveiro (Publicado no suplemento “Faro da cultura” do Faro de Vigo o 17 de maio de 2013)

Unha antoloxía baixo palio

[…] Sobre os autores e autoras escolmados/as, supoño que o antólogo procurou a máxima representatividade e intentou publicar una escolma dos autores e autoras imprescindibles da literatura galega contemporánea. Non boto en falta nin a Carlos Casares, Méndez Ferrín, Carballo Calero , M. X. Queizán ou Fernández del Riego porque xa apareceron no primeiro volume, en 2010. Mais teño para min que tanto ou bastante máis mérito e representatividade que algúns e algunhas dos autores e autoras escolmados, teñen Xosé Vazquez Pintor, Anxo Angueira, Luis Rei Núñez, Xosé Ramón Pena, Ramón Caride, Gonzalo Navaza, ou Jaureguizar no eido da narrativa sobre todo, aínda que algúns deles son tamén poeta se ensaístas; Pilar Pallarés , Lupe Gómez, Medos Romero, Manuel Forcadela, Marta Dacosta, Helena de Carlos, e Estevo Creus entre outros e outras no da poesía. Chama a atención que no eido do ensaio Jonathan Dunne escolme a Marcial Gondar, Justo Beramendi e Andrés Torres Queiruga, deixando fóra a Francisco Sampedro ao que, porén, alude no limiar e que na miña particular estima é o máis xenuíno representante do pensamento filosófico do sistema literario galego. Pero o que semella incrible é que descoñeza a Xesús Alonso Montero que enche e segue enchendo cos seus traballos, investigacións e ensaios os últimos corenta anos do pasado século e o que levamos deste.

Mantén o antólogo que m-Talá de Chus Pato é o poemario máis significativo da poesía galega de finais de século. Malia a miña alta valoración deste poemario de Chus Pato e en xeral de toda a súa obra poética, noemadamente pola súa coraxe e forza transgresora e deconstructiva da tradicional poesía galega, seméllame unha afirmación arriscada e moi discutible […]. {Ler máis en Novenoites}

Pablo Vaamonde: A saúde como negocio

IMPOSTO SOBRE A DOENZA

Volve ás librarías o doutor Pablo Vaamonde, desta volta como coordinador dun estudo crítico en defensa da sanidade pública cuxo título descrebe perfectamente o contido: a saúde como negocio. Neste libro colectivo as achegas de María Luísa Lores, Manuel Martín, Jesús Rey, Marciano Sánchez Bayle e do mesmo Pablo Vaamonde, esmiuzan, con datos obxectivos e argumentos, a falsidade dos mantras que, repetidos máis de mil veces polo manipulador pensamento ultraliberal, queren presentarse como verdades incuestionabeis. Insírese esta publicación na onda social que loita contra a dinámica destrutiva e privatizadora, coma cando afirma Vaamonde que a dereita, cando chega ao poder, ten moi claro o seu obxectivo, que non é xustamente mellorar os servizos públicos, senón xerar espazos de negocio para o beneficio particular. Deféndese, páxina a páxina, unha sanidade pública e gratuita, fronte aos que ven nas inevitabeis doenzas unha oportunidade de lucrarse. Velaí que aos autores desta actualísima obra non lles pareza que pagar cada vez máis ao sector privado por servizos públicos sexa a mellor maneira de xestionar a sanidade, e menos en tempos de crise.