Con enteireza e sinceridade. Agardando o 14 de abril

As fracturas vitais que encerran os recordos de quen sendo unha adolescente vive a separación, para sempre, da súa familia, e a enteireza de quen olla cara a atrás con ánimo sereno, latexan, compasadamente coa soidade, nas memorias de Teresa Alvajar López. Tamén a valentía de sobrevivir ás dificultades e o agradecemento para quen o merece. Ofrecénos as súas memorias a menor dos catro fillos que tiveron César Alvajar, quen participou en 1936 na campaña do Estatuto de Galiza, e Amparo López Jean, muller de enorme mérito que loitou polos seus ideais dende a pertenza ás Irmandades da Fala e ao Partido Galeguista. Cando entramos no escuro bosque onde cabe unha vida, de entre as lembranzas hai unha que se significa, a da filla que no cemiterio de París escoita as tres palabras que resumen a vida do seu pai: liberdade, verdade e exilio.

Ao ofrecernos este libro, dende a cerna do seu coñecido compromiso, afirma Edicións Laiovento que non vai deixar indiferente a ninguén. Parabéns a Teresa Alvajar López, e á profesora Aurora Marco que con rigorosa habelencia se encargou da edición do texto, por nos achegar, ao carón do tempero dun espírito que reconforta, a intrahistoria e a historia dunha época que, de certo, a ninguén deixa indiferente.

Laura Caveiro (publicado no suplemento Faro da Cultura do 11 de abril de 2013)