Vidal Bolaño, Obras completas, volume II

Prosegue, ao ritmo pertinente para esta modalidade de traballos editoriais, a publicación das Obras completas de Roberto Vidal Bolaño, edición que leva a cabo Edicións Positivas. Os seis volumes nos que o selo editorial compostelán xuntará toda a produción literaria de Vidal Bolaño, incluídos os textos non dramáticos, é obvio, e ata necesario, que non estarán rematados para a data do Día das Letras deste ano. Mais esta delonga acredita o bo facer dos editores, Francisco Macías e X. M. Fernández Castro, sobre todo se temos en conta que aínda hoxe seguen inéditas algunhas das obras de Vidal Bolaño. Como xa sinalei no comentario publicado verbo do primeiro volume, con anterioridade á elección pola Real Academia Galega da candidatura do gran referente do teatro galego, oe editores estaban traballado nunha ambiciosa “Biblioteca Vidal Bolaño”, unha edición crítica do corpus literario do dramaturgo galego. Foron sorprendidos pola decisión da RAG e, xa que logo, víronse na “obriga” de nos achegar unha edición divulgativa do inxente material teatral e dos textos non dramáticos de Vidal Bolaño. Quizais algún día poidamos gorentar esa edición crítica das Obras completas do dramaturgo galego. Polo de agora, nestes meses previos ao Día das Letras, viron luz un bo presado de estudos e monografías sobre a figura do dramaturgo e a súa obra. Porén, se algo perdurará e quedará para sempre é a recompilación das  súas Obras completas, malia que estean descargadas de aparato crítico […]. {Ler máis en Novenoites}

Vidal Bolaño, Obras Completas

Roberto Vidal Bolaño finou en setembro do ano 2002. Foi e segue a ser, na miña estima, o grande referente do teatro galego. Así o salientou a Real Academia Galega para xustificar a elección da candidatura do dramaturgo, director teatral, guionista e actor como o persoeiro ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas 2013. Sen a súa figura e a súa obra non sería posible comprender a dimensión do teatro galego, e, xa que logo, do noso sistema literario.

Teño constancia de que con anterioridade a elección da RAG se preparaba  a publicacións das súas obras completas. E así o confirman os editores deste primeiro volume, X. M. Fernández Castro e Francisco Macías: estaban traballando nunha ambiciosa “Biblioteca Vidal Bolaño”, unha edición crítica, sen dúbida” das obras completas do dramaturgo cando foron sorprendidos pola decisión da Real Academia Galega. Xa no ano 1995, na entrada correspondente a Roberto Vidal Bolaño no Diccionario da Literatura Galega, Tomo I se facía alusión á inxustiza que o mundo editorial galego lle estaba a facer ao non ter publicado a súa produción escrita, aínda que se recoñecía que esa inxustiza estaba comezando a ser reparada. Sexa como for, nos últimos dezasete anos pouco mellorou a situación editorial da ampla obra dramática de Vidal Bolaño […]. {Ler máis en Novenoites}