Debullando as vidas dunha existencia

“As súas vidas, como el lles chamaba, tíñanlle certa semellanza co contido das caixas de zapatos, esa atrapallada miscelánea e confusa morea de papeis na que era tan difícil atopar algo, un fío condutor” (páxina 250). E así, ao chou, sen fío condutor, é como o avó lle conta as súas vidas a súa neta. Son Casiano e Aldara, os dous grandes protagonistas desta novela coa que Xabier Paz regresa aos mundos ficcionais, despois do seu debut, hai agora cinco anos, con aquel fresco renacentista, o acareo e a confrontación co renacentista italiano, Pietro Aretino, no xurdimento dun mundo novo. Mais agora, tanto o espazo novelesco como a trama nada teñen que ver coa efervescencia daquel mundo cambiante, senón cun retrato confesional no que un avó, Casiano, lle conta a súa neta as súas vidas, as vidas que imos acumulando ao longo de nosa existencia. Vidas poliédricas que lle permiten ao narrador achegarnos unha reflexión moi completa sobre a natureza humana a través da experiencia dun home que tivo un lento medrar.

Agora, nunha senectude prolongada en precario nunha residencia, confésalle a súa neta que tivo moitas vidas, O estímulo das visitas que a neta lle fai, empúrrao a contarlle a súa experiencia vital -as súas vidas-, sen convertela nun conto trivial. Debulla así este home as lembranzas dunha existencia condicionada por un medrar vagaroso, que o puña en desvantaxe fronte aos rapaces da súa idade. É a primeira vida de Nito /Casiano na que todo foron desasosegos e desventuras. Entran nela, por exemplo, os libros, nesa lingua que garda misteriosamente dentro de si varios idiomas, a literatura que é capaz de ir desvelándoos. E coa literatura empeza a soñar esperto, a viaxar da man dos autores.

Vidas que se compoñen de miles de detalles. Uns transcendentes como a descuberta do amor, do sexo, os misterios do corpo, o activismo político, o sentido da morte, a desfeita (unha transnominación do fracaso paternal), o desencanto da Transición, o sentido do paso dos anos, da ancianidade e da morte. Outras, porén, intranscendentes, como a preparación do bacallau e moitos outros saberes extraescolares que aprende da súa nai […]. {Ler máis en Novenoites}