Álvaro Cunqueiro, xornalista

“Préstolle hoxe a prometida atención a este volume de Editorial Galaxia, que fai o número once da “Biblioteca Álvaro Cunqueiro” e que nos achega unha boa parte da obra xornalística dese Señor das maxias e das palabras que foi o autor de Merlín e familia. Neste primeiro volume da obra de Álvaro Cunqueiro no seu labor como xornalista, os editores, Xosé-Henrique Costas e Iago Castro Buerger recollen os artigos en lingua galega que Cunqueiro publicou en xornais e revistas desde 1930 a 1980. Por constituíren un corpus completo, non aparecen neste volume as columnas que Cunqueiro publicou no Faro de Vigo, dos que poderemos gorentar nunha futura entrega..

   A presente compilación preséntanos os artigos de Cunqueiro agrupados por publicacións nas que o escritor de Mondoñedo colaborou entre esas datas de referencia ás que antes fixen mención: Vallibria (1930), Galiza (1931-1933), Yunque ( 1931-1932) A Nosa Terra (1933-1935), El Pueblo Gallego (1934-1936), Nós (1934), La Noche (1948-1949), Alborada (1954), Vida Gallega (1956, 1962), Galicia Emigrante (1957-1958), Grial (1966-1980), Ronsel (1975), Nordés (1976).

   Cincuenta anos de xornalismo, de columnas de opinión nun xornal de tiraxe diaria ou artigos culturais, escritos con máis fondura ensaística para revistas como Grial, Ronsel ou Nordés. Xornalismo de opinión ou cultural alicerzado en raiceiras literarias e que tamén forma parte dese senlleiro macrotexto composto pola obra poética, narrativa, dramática, xornalística e tradutora de Cunqueiro. O lugar central que as tres primeiras facetas  de Cunqueiro escritor ocupan na literatura galega, propenden a facernos esquecer as outras dúas actividades literarias, precisamente aquelas que exerceu durante máis tempo e dedicación.

   O presente volume pretende, xa que logo, saldar a débeda que a literatura galega ten con Cunqueiro xornalista en galego, xa que a súa produción no mesmo xénero en español atópase recollida desde hai anos en varias edicións […].” {Ler máis en Novenoites}