Memoria xeracional desde os días da Transición

Manuel Veiga foi e segue a ser un defensor da novela de autor, un autor, no seu caso, comprometido coa realidade e coa historia, sobre todo da segunda metade do século XX. Un monllo de pezas literarias -narrativa e ensaio- acompañan a súa traxectoria literaria desde que no ano 1998 debutase con As ruínas da cidade amada. Virían despois outras pezas de ficción como O exiliado e a primavera (Premio Xerais 2004) ou Lois e Helena buscándose nun día de tormenta (Premio García Barros 2006). Achéganos arestora Os xornalistas utópicos, un banzo máis na súa obra, aínda que sen perder ese horizonte memorialístico, neste caso non o da historia dos vellos galeguistas, dos que fixeron a Guerra Civil e dos exiliados, senón da xeración que se fixo adulta nos anos da Transición.

Un fresco de vidas, coas súas persoais historias, ás que lles tocou vivir nos últimos trinta anos a partir de 1977. Porque Manuel Veiga viviu a Transición en plena mocidade e na presente novela dá testemuño da súa xeración, no contexto daquela léveda de ilusións, proxectos e utopías, olladas desde o altor do paso dos anos, case que corenta anos despois.

A novela centra a súa substancia no protagonismo e nas vivencias da xente común; nun xornalista, alter ego do autor, que dirixe un pequeno xornal galeguista e de esquerdas e que, en primeira persoa, á altura do ano 2007, narra os atrancos e dificultades que ten que superar un medio das súas características no fragor da loita pola supervivencia dos medios no noso tempo. Esta primeira parte da novela permítenos ollar as vivencias, case que o día a día, dun xornalista galeguista e de esquerdas desde a Transición ata hoxe. Mais, como o mesmo autor ten sinalado, non é esta unha novela sobre o xornalismo, senón desde o xornalismo […]. {Ler máis en Novenoites}