Realidade e humor. Reconstruíndo o pasado recente

A novela que Manuel Veiga (Monforte, 1960) vén de publicar en Xerais, ten un título que combina a ironía e a suxestión que atoparemos nas súas páxinas. Para os lectores que seguimos dende hai anos a versátil traxectoria deste escritor, este é un grato chanzo máis dunha escrita de seu, que flúe sempre persoal e que non atopamos todo o recoñecida que merece.

Que nos agarda neste novo chanzo baixo o título d´Os xornalistas utópicos? A historia máis recente, dende as primeiras eleccións de 1977 ata o comezo da crise no 2008. E no estilístico, diferentes mudanzas na narración que achegan variedade de ritmo, de ton e de perspectiva. Todo harmonizado e cohesionado por un personaxe, o xornalista Obdulio Somoza, e polo humor que arreo se espalla.

Iniciamos a lectura cun aire de proximidade, o dun diario ou caderno de notas. Reflexións sobre o propio proceso desa mesma escrita. Metaliteratura, Vila-Matas incluido… e tamén un debullar en Hemingway, Fleur Jaeggy, ou Javier Marías. E a seguir pasamos a unha ficción con xeitos de autobiografía, onde o narrador toma distancia, en terceira persoa e en pasado. Marcados fican os puntos de inflexión: a viaxe a Madrid con dezasete anos para estudar xornalismo, as primeiras eleccións de 1977, as inquedanzas políticas na Transición. Reflectir esa época é un dos maiores méritos da novela: un pasado reinterpretado coa viveza dunha reportaxe xornalística fiel. Tamén atina literariamente o interese sociolóxico dos microrrelatos que conforman “política en tres tempos”, ou o multiperspectivismo das testemuñas no “tribunal dos coétaneos”, que non son senón os secundarios declarando, coma nun documental, sobre Somoza.

Avanzando os días, chegamos ata a redacción do periódico onde traballa o protagonista. Realidade e ficción entretecidas nos conflitos, que prenden o interese, mentres con expresividade caracterízase os secundarios. Imposible esquecer a declaración de principios, como un editorial: “Polo demais, no noso propio periódico sempre fomos bastante raros. Un pequeno gueto no que se adoraba a Lenin, a Noam Chomsky e a Vicente Risco por igual. Non podía resultar estraño que vendésemos tan poucos exemplares, pero estabamos orgullosos da nosa diferenza”.

Laura Caveiro. Publicado no suplemento de Faro da Cultura (Faro de Vigo, 3/10/2013)