Estatutos

SECCIÓN DE CRÍTICA GALEGA
ESTATUTO APROBADO NA ASEMBLEA FUNDACIONAL DO 24/02/2007 EN
SANTIAGO DE COMPOSTELA

-Poderá integrarse na Sección de Crítica da AELG calquera estudoso, crítico, investigador ou analista cuxo labor estea adicado preferentemente á literatura galega e que se atope difundido de xeito habitual nos diferentes medios de comunicación, divulgación ou investigación. Aquelas persoas que reúnan este perfil deberán solicitar a súa admisión na AELG e cumprir os requisitos que esta demande a tal efecto. Calquera cuestión conflitiva relacionada coa admisión e/ou continuidade de socios deberá ser resolta pola Comisión Xestora e esta poderá consultalo á asemblea cando o considere preciso.

-A Sección gozará de plena autonomía dentro da AELG e colaborará con esta no que se lle solicite, preservando sempre a liberdade de expresión dos seus membros.

-A Sección estará coordenada por unha Comisión Xestora de tres membros que se elixirán por un período de tres anos en asemblea plenaria de todos os integrantes da Sección. Serán cometidos desta Comisión:
1. A xestión ordinaria das actividades programadas.
2. A relación coa directiva da AELG.
3. A convocatoria de asembleas ordinarias e, no seu caso, extraordinarias.
4. Calquera outro encargo que lle sexa feito pola asemblea da Sección.

-A Sección celebrará dúas asembleas anuais ordinarias. A primeira, no mes de xaneiro, para planificar as actividades do ano. A segunda procurarase que se celebre no marco dun encontro dos membros da Sección que terá como finalidade o debate, a análise e a reflexión sobre diferentes aspectos da crítica literaria.

-Os obxetivos da Sección son:
1. Fomentar o contacto de todas aquelas persoas que traballan no ámbito da crítica literaria galega.
2. Organizar xornadas e promover estudos críticos e investigacións tanto dende unha perspectiva sincrónica coma diacrónica.
3. Promover a publicación destes estudos.
4. Dinamizar e institucionalizar a participación da crítica, como sector especializado, nos diferentes premios literarios destinados a obras en lingua galega que se outorguen tanto en Galicia como fóra.