De Herberto Helder, demónio inocente, a Ramiro Torres, apaixonado vidente

[…] Ramiro Torres, de quarenta anos, apresentou uns meses antes que o velhote [Herberto Helder, ver artigo completo] o seu primeiro poemário, Esplendor arcano. Um livro editado pelo Grupo Surrealista Galego, de que ele mesmo faz parte, e uma publicação a que o autor se viu impelido pelo resto do grupo, farto de sofrer a falta de egocentrismo do Ramiro, uma atitude sem dúvida virtuosa mas que convertia a natural vaidade dos companheiros em uma experiência dilacerante.

No livro, são os arcanos da existência que são perscrutados pelo poeta. A poesia penetra na fase saturnal onde o corpo se revela em todo o seu esplendor, a mostrar um seu fresquio natural ao tempo que a “harmonia transversal que trespassa o caos”. Em consonância, o estilo oferece constantes contrastes térmicos, cromáticos, tácteis, substanciais… Da matéria excitada surge o mundo espiritual, como sublimação de aquela.

O discurso ilumina-se com descrições a modo de summa de epifanias sapienciais, de catálogo de eventos gnósticos, de compêndio de casos em que a sabedoria, como vulcão, cospe matéria iluminada, vestígios de Verdade. É Esplendor arcano, em definitivo uma meditação sobre a vida, e esta apenas um sonho acesso, flamejante quando percebemos a natureza sacra do nosso ateísmo. Porque somos um vestígio do nosso futuro, e do mesmo modo que há uma árvore dentro de uma semente também há um ser harmônico dentro de nós; desse futuro, quando inspirados pela escritura ou a leitura,  ligamos para nós próprios mercê à poesia: “Somos espuma de / uma idade vindoura” (p. 23). O arcano é, afinal, a fórmula do imanente, uma verdade que havemos de abstrair, compilar e interpretar enquanto não deixamos de apanhar as sujas pedras do caminho, ruínas do que seremos se cumprirmos o destino.

Vejamos agora um verso do poeta para ilustrar de novo a potência da metáfora: “Vulva da ciência órfica”. De que se trata, de uma visão carnal, científica ou esotérica? Sem dúvida das três em uma sorte de harmonia forçada, como uma imagem que se dispersa em três direções e ao tempo se alimenta de três mundos: o orfismo traz para a mesa o mistério, a ciência propõe o método e a vulva implica a matriz universal. Mais uma vez o poeta se contradiz, e na contradição, como uma pinga de chuva pinta no céu gris um abano colorido.

Esplendor arcano é também uma obra esgotada, ainda que se podam sempre achar exemplares novamente impressos a pedido dos mais perspicazes. São vários centos de livros os vendidos apesar da muito escassa presença em livrarias. Poesia que vende, sem vontade comercial. Porque este poeta também não faz literatura, embora se poda servir dela, como todo o mundo, se for preciso. {Ler máis en O levantador de minas}

Alfredo Ferreiro

Gran tiburón branco, de Samuel Solleiro

Esta obra está composta por un conxunto heteroxéneo de relatos que hai que celebrar. En primeiro polo desenfado, case descaro, con que están escritos, o que permite desfrutar dunha lectura divertida que se consome moito antes do que un quixera. En segundo, porque nos ofrece un marco humorístico moi sutil, como unha elegante piscadela en que o sexo e os misterios máis banais da vida se fan pasar por experiencias transcendentais, o que, paradoxalmente, non está tan lonxe da realidade se admitimos que a profundidade do sentido da vida é menos algo obxectivo do que unha perspectiva persoal. En terceiro, porque a aparente simplicidade da lingua literaria, que estilisticamente case pasa desapercibida, así como a trivialidade da maioría dos acontecementos argumentais, fan unha masa sólida e no entanto lixeira que sen dúbida denota unha mestría no oficio narrativo. Samuel Solleiro semella que coñece ben que e como pretende escribir, e iso indica unha personalidade na escrita e un punto de vista persoal na creación de mundos posíbeis, características que sen dúbida definen a consolidación dunha obra literaria.

Como nota final temos que advertir que, aínda que semellan todos os relatos inéditos, o titulado Caída de Abraham Rosenblath foi xa publicado en 2011 no volume De eirugas a bolboretas, que recolle seis dos relatos premiados no Certame de Narracións Breves “Manuel Murguía” de Arteixo.

Alfredo Ferreiro {O levantador de minas}

Pan de ánimas, de Xoán Abeleira

Pan de ánimas, de Xoán AbeleiraPan de ánimas é, no panorama poético actual, un libro sorprendentemente profundo. Comeza por un poema que fala da escrita e no que, despois de dúas lecturas (isto para os muito intelixentes, e de ai para abaixo sempre a dobrar, como diría o Almada) se nos ofrece un fermoso xogo de claroscuros de sabor oriental, esa harmonía de contrarios que tan frecuentemente expresa o paradigma ancestral do Universo (“E o que se desprende do meu alumeamento / son estas ascuas negras a se cravar no branco”). Estas referencias de carácter espiritual non son vas palabras de limiar logo esquecidas, senón que anuncian un rico mosaico de símbolos pertencente á milenaria tradición dos procuradores da Verdade. Só nesta liña pode entenderse o poema “Underground”, que semella facer referencia ao dragón interior aínda sen domar, o condicionamento ou clave corpórea do noso ser que é preciso vencer para que o progreso espiritual aconteza; a morte do dragón equivale ao nacemento do heroe, e deste modo a alma experimenta unha nova fase na súa ascensión iluminadora. Este concepto, tan habitual na tradición esotérica universal, aparece en máis ocasións baixo outras formas, como no poema “A sombra”, no que se revela como esa falsa verdade do mundo que nos oculta a verdadeira dimensión da existencia.

Mais a simboloxía esotérica desta obra non se reduce a uns poucos símbolos facilmente recoñecíbeis, senón que avanza ocupando o poemario como gotas de aceite que ambicionan afectar o libro todo e dotalo de coherencia. Deste modo, á par de reflexións poéticas sobre os cinco elementos, outros poemas tratan directamente o proceso da iluminación espiritual, obxectivo esencial de toda relixión antes de ser deturpada polas ambicións materialistas das institucións relixiosas […]. {Ler máis en O levantador de minas}

nós escoitando o badalo de marienplatz, de Eli Ríos

Na Praza de María, unha praza incógnita dedicada a unha señora que ben podería pasear calquera rúa do mundo con zapatos apresados e brillantes, soa un badalo que só nós escoitamos desde a casa. Nós, é dicir, o eu deste poemario e os seus mundos interiores, desde a súa propia atalaia a esculcar un terreo ermo, agreste, reflexo irónico dun baleiro psíquico (hai baleiros da alma / escondidos / nas pregas escuras / das nubes) que se alimenta do estatismo dunha vida fundamentalmente caseira. Unha sorte de furado negro que se engole a si mesmo, ou unha eterna ouróboros que, reconcentrada en si mesma, impide a conquista do espazo exterior así como o éxito que a exploración comporta. Sigue lendo

‘Pel con pel’: a fotografía que nos alimenta de poesía

[…] Son dez os poetas que prestan as súas palabras a un volume no que se poden ver, entre outras, as instantáneas de Concha Lagoa, Teresa Freiría, Paloma Escobar ou Daniel Cameselle.

O conxunto de fotografías é o resultado do certame que anualmente convoca Fedegalma e que este ano gañou Manuel Díaz Mata.

Ademais de Álvarez Cáccamo, o volume inclúe os textos de Begoña Caamaño, Alfredo Ferreiro, Yolanda Castaño, Francisco Castro, Dores Tembrás, Eduardo Estévez, Ledicia Costas, Marta Dacosta e Román Raña. […] (Galicia Hoxe)