Lectura amena e substanciosa

martes, abril 21st, 2009

Festina lente, de Marcos S. CalveiroTras o éxito acadado como autor de novelas destinadas prioritariamente ao público xuvenil, Marcos S. Calveiro fai a súa primeira incursión nunha colección de narrativa canónica cun texto que ten moitos ingredientes para ser o libro do ano, ese que periodicamente entusiasma por igual a lectores e crítica e que lle dá un pulo decisivo ao cómputo dos que se achegan de cando en vez ás nosas letras. Sorprendentemente, Festina lente chega a nós sen ese hipotético aval que constitúen os premios, non sabemos se por vontade do autor ou por cegueira dos xurados, pero con todos os requisitos para apañar moitos dos que se conceden ás obras logo de seren editadas.

Como novela histórica que é, ambientada na Compostela de finais do século XVI e comezos do XVII, lémbranos de xeito inevitable tanto O triángulo inscrito na circunferencia coma Xa vai o griffón no vento, e unha non pode deixar de congratularse intimamente de que esto sexa así por moitas razóns. En primeiro lugar, porque Festina lente é unha proba máis da revitalización que entre nós está a experimentar dita modalidade temática, que tanto significou no seu día para a modernización e expansión da nosa narrativa. En segundo, porque esa conexión intertextual pon de manifesto que a pegada deixada polos pioneiros foi máis fonda do que o vertixinoso amoreamento de novidades permite albiscar. Non sei se Marcos Calveiro leu eses e outros autores de nós, pero si que Festina lente é o froito dunha corrente dialóxica interxeracional, quizais subterraéna, e un elo máis dunha cadea de palabras que constitúe xa, texto a texto, parte da nosa tradición.

(máis…)