Sobrevivir nun mundo postapocalíptico

   Semella afortunada a definición que desta novela se fai na presentación editorial: “Novela de límites, de cuestións definitivas, da man dun autor que concibe a literatura como laboratorio de experimentación artística e discurso indagatorio no bosque do real”. Préstolle especial atención ás dúas últimas liñas porque me lembran o intento de caracterización da súa propia narrativa que Manuel Darriba facía hai unha ducia de anos: “Como dicía Stendahl, a literatura é poñer o espello á beira do camiño. Os temas máis recorrentes na miña obra son a idea de soidade, incomunicación, do azar…”. Estas palabras servían para precisar moitos trazos da novela do autor Velada do billarista  (Sotelo Blanco, ano 2000) e delimitan non poucos aspectos, sobre todo técnicos, da súa máis recente achega no eido narrativo: O bosque é grande e profundo. De novo unha novela de relatos, incrustada de cheo nos mundos utópicos e apocalípticos, tan frecuentados, sobre todo a literatura apocalíptica, nos últimos tempos, tanto dentro como fóra das nosas fronteiras.

   O xénero apocalíptico, tanto o bíblico que se estendeu durante catro séculos (dous antes e dous despois de Cristo), como o da actual narrativa é un fenómeno literario propio das épocas de crise que mira nomeadamente ao futuro, xa que tanto o pasado como o presente só ofrecen desconfianza. Endalí a relación entre utopía e apocalipse. Mais, como o lector non descoñece, ao lado das utopías positivas, existen as negativas, as distopías ou antiutopías, adiantamentos da historia facendo fincapé nos aspectos negativos derivados de catástrofes ou puntos débiles do tempo presente. As sociedades distópicas son escenarios onde se desenvolve a historia máis negativa. E nestes escenarios estarían todas as tramas apocalíticas ou, dito con máis precisión, postapocalípticas […]. {Ler máis en Novenoites}

Gran tiburón branco, de Samuel Solleiro

Esta obra está composta por un conxunto heteroxéneo de relatos que hai que celebrar. En primeiro polo desenfado, case descaro, con que están escritos, o que permite desfrutar dunha lectura divertida que se consome moito antes do que un quixera. En segundo, porque nos ofrece un marco humorístico moi sutil, como unha elegante piscadela en que o sexo e os misterios máis banais da vida se fan pasar por experiencias transcendentais, o que, paradoxalmente, non está tan lonxe da realidade se admitimos que a profundidade do sentido da vida é menos algo obxectivo do que unha perspectiva persoal. En terceiro, porque a aparente simplicidade da lingua literaria, que estilisticamente case pasa desapercibida, así como a trivialidade da maioría dos acontecementos argumentais, fan unha masa sólida e no entanto lixeira que sen dúbida denota unha mestría no oficio narrativo. Samuel Solleiro semella que coñece ben que e como pretende escribir, e iso indica unha personalidade na escrita e un punto de vista persoal na creación de mundos posíbeis, características que sen dúbida definen a consolidación dunha obra literaria.

Como nota final temos que advertir que, aínda que semellan todos os relatos inéditos, o titulado Caída de Abraham Rosenblath foi xa publicado en 2011 no volume De eirugas a bolboretas, que recolle seis dos relatos premiados no Certame de Narracións Breves “Manuel Murguía” de Arteixo.

Alfredo Ferreiro {O levantador de minas}

«Fin de poema»: as noites e as fendas da vida

Juan Tallón (Vilardevós, 1975) é, na miña estima un dos narradores emerxentes máis relevantes da literatura galega, e tamén da que se pode ler en castelán porque as súas obras están comezando a ser traducidas e editadas en español. Un autor moi interesante porque as súas tres novelas ata agora editadas (A autopsia da novela, 2007,  A pregunta perfecta, 2010 finalista do premio Lueiro Rei dese ano, e Fin de poema,2013, obra gañadora  do devandito premio o pasado ano) acreditan unha escrita innovadora, vangardista, fragmentaria, minimalista e metaliteraria por veces, que nada ten que ver con tanta (pseudo)literatura, irrelevante e comercial que con frecuencia alaga o mercado.

   A novela que comento, recentemente saída dos prelos de Sotelo Blanco, é unha mostra paradigmática dos anteriores xuízos. Mais con esa forma de enfrontar a construción dunha novela, Juan Tallón non se converte no último mohicano, senón que se xunta a esa tendencia representada por moitos dos grandes escritores actuais que novelan doutro xeito, convertendo a escritores, artistas ou intelectuais en personaxes de ficción, convencidos de que as fronteiras entre realidade e ficción andan revoltas na narrativa actual e as vidas ou intres desas vidas poden ou deben ser recreadas en invencións perfectamente ficcionais […]. {Ler máis en Novenoites}

Vidas que evolucionan como nubes

Unha fría estación de autobuses pode ser un bo lugar para aprender da vida e para atopar un sitio no mundo. É unha das moitas e interesantes conclusións que se poden tirar desta novela de Andrea Maceiras (A Coruña, 1987), unha moza xa con certa experiencia nos eidos literarios (narrativa e poesía) e que con esta novela, Nubes de evolución, quedou finalista do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil na convocatoria do ano 2011. No pasado mes de xaneiro Edicións Xerais editou a novela na colección “Fóra de xogo”.

Nubes de evolución é unha historia de fríos, de inestabilidades, de soidades, de encontros casuais, por veces inverosímiles, e de personaxes que, unidos por a frase dunha cancións dos Rolling Stones (Angie) e tamén pola presenza de dúas persoas co mesmo nome, unha delas soamente evocada ao final do relato, conseguen atoparse a si mesmas […]. {Ler máis en Novenoites}

Unha heroína por descubrir

Resulta difícil, despois do enorme gozo que a súa lectura produce, clasificar Verde oliva. É sen dúbida unha novela histórica, ben situada no marco dos acontecementos da revolución cubana; é tamén unha intensa novela de espías, onde se nos mostran os pormenores das actividades que os revolucionarios desenvolveron nas urbes contra o poder de Batista, así como as súas manobras de ocultamento; é a autobiografía dunha muller que participou na súa adolescencia en accións que en varias ocasións estiveron a punto de custarlle a vida. Porén, a carón dos datos exactos e singulares de quen viviu con intensidade un dos maiores acontecementos políticos de Occidente, subxace na obra unha humanidade que, habilmente temperada por Xavier Alcalá, cataliza no relato a profundidade emocional da verdadeira literatura.
Mariana pertence á burguesía media-alta da Habana. Detesta os abusos do poder autoritario de Baptista e decide apoiar na cidade o proceso revolucionario mediante a transmisión de información secreta e a recadación de fondos para o confronto militar. Era unha fina flor que gozaba de estudar inglés e acudir ás festas con elegantes vestidos e zapatos altos, mais axiña se revelarán a súa valentía e un compromiso invulnerábel co pobo que a acolleu. Unha vez estes valores florecen no relato, estamos ante o testemuño dunha auténtica heroína inmersa nun ambiente prebélico de densa e perigosa espionaxe urbana […]. {Ler máis en O levantador de minas}