De Herberto Helder, demónio inocente, a Ramiro Torres, apaixonado vidente

[…] Ramiro Torres, de quarenta anos, apresentou uns meses antes que o velhote [Herberto Helder, ver artigo completo] o seu primeiro poemário, Esplendor arcano. Um livro editado pelo Grupo Surrealista Galego, de que ele mesmo faz parte, e uma publicação a que o autor se viu impelido pelo resto do grupo, farto de sofrer a falta de egocentrismo do Ramiro, uma atitude sem dúvida virtuosa mas que convertia a natural vaidade dos companheiros em uma experiência dilacerante.

No livro, são os arcanos da existência que são perscrutados pelo poeta. A poesia penetra na fase saturnal onde o corpo se revela em todo o seu esplendor, a mostrar um seu fresquio natural ao tempo que a “harmonia transversal que trespassa o caos”. Em consonância, o estilo oferece constantes contrastes térmicos, cromáticos, tácteis, substanciais… Da matéria excitada surge o mundo espiritual, como sublimação de aquela.

O discurso ilumina-se com descrições a modo de summa de epifanias sapienciais, de catálogo de eventos gnósticos, de compêndio de casos em que a sabedoria, como vulcão, cospe matéria iluminada, vestígios de Verdade. É Esplendor arcano, em definitivo uma meditação sobre a vida, e esta apenas um sonho acesso, flamejante quando percebemos a natureza sacra do nosso ateísmo. Porque somos um vestígio do nosso futuro, e do mesmo modo que há uma árvore dentro de uma semente também há um ser harmônico dentro de nós; desse futuro, quando inspirados pela escritura ou a leitura,  ligamos para nós próprios mercê à poesia: “Somos espuma de / uma idade vindoura” (p. 23). O arcano é, afinal, a fórmula do imanente, uma verdade que havemos de abstrair, compilar e interpretar enquanto não deixamos de apanhar as sujas pedras do caminho, ruínas do que seremos se cumprirmos o destino.

Vejamos agora um verso do poeta para ilustrar de novo a potência da metáfora: “Vulva da ciência órfica”. De que se trata, de uma visão carnal, científica ou esotérica? Sem dúvida das três em uma sorte de harmonia forçada, como uma imagem que se dispersa em três direções e ao tempo se alimenta de três mundos: o orfismo traz para a mesa o mistério, a ciência propõe o método e a vulva implica a matriz universal. Mais uma vez o poeta se contradiz, e na contradição, como uma pinga de chuva pinta no céu gris um abano colorido.

Esplendor arcano é também uma obra esgotada, ainda que se podam sempre achar exemplares novamente impressos a pedido dos mais perspicazes. São vários centos de livros os vendidos apesar da muito escassa presença em livrarias. Poesia que vende, sem vontade comercial. Porque este poeta também não faz literatura, embora se poda servir dela, como todo o mundo, se for preciso. {Ler máis en O levantador de minas}

Alfredo Ferreiro

‘A noite branca’, entre a historia e a literatura

Hai uns poucos meses Francisco Fernández Naval publicou A noite branca, unha longa novela que xira arredor da experiencia dos voluntarios galegos na División Azul. O interese que suscita o tema, vese acrecentado polo feito de que o autor foi un dos pioneiros da abordaxe na nosa lingua do tema da guerra civil cunha novela, O bosque das antas, que foi Premio Xerais en 1988. De feito en A noite branca aparecen espalladas aquí e acolá algunhas referencias a personaxes daquela novela; dada a súa irrelevancia argumental, coido que se pode formular a hipótese de que cumpren a función de ancorar esta novela na modalidade xenérica de novelas da guerra civil ou da memoria histórica, de vencellala a esa xenealoxía de textos que Fernández Naval contribuíu a fundar.

Arestora, a orixinalidade do tema no ámbito literario galego actúa como un muro de contención fronte ao risco de saturación ou desgaste da memoria. Na medida en que a literatura funciona como un espazo social de circulación das memorias parciais e silenciadas, e na medida en que novos suxeitos se incorporan á memoria colectiva, evítase o esquecemento ou a marxinación de determinados grupos de vítimas, así como a fixación pasatista con certos motivos temáticos e a súa repetición ritualizada. E cómpre non ignorarmos que a elaboración social da memoria dun grupo permite a súa reinterpretación.

Pois ben, no caso da División Azul, eu diría que estamos aínda nunha fase anterior é dicir, é preciso que a sociedade actual saiba da súa existencia, cuxa memoria deveu nun verdadeiro tabú, antes de que sexa susceptible de novas interpretacións, alén das que se producen no ámbito especializado dos estudos históricos onde por fortuna dispomos das documentadísimas e, ao tempo fascinantes, pesquisas de Xosé M. Núñez Seixas. Boa proba da necesidade de dar a coñecer ese episodio do noso pasado dánola un feito: tanto como se leva falado nos últimos anos de fosas e exhumacións, e quen sabía que en setembro de 1995 o Goberno socialista firmou un convenio coa fundación alemá Volksbund, especializada na búsqueda de desaparecidos da Segunda Guerra Mundial, co obxectivo de localizar os restos dos membros da División Azul caidos en terras rusas loitando co nazismo? […]. {Ler máis en Praza Pública}

Ramiro Torres: Campos de luz

Sabía dende hai tempo do labor poético de Ramiro Torres (A Coruña, 1973) por publicacións como Poseidónia ou Agália, mais sobre todo pola súa moi activa participación en Xalundes, o Grupo Surrealista Galego do que forma parte dende os seus inicios e no que se amosa como un dos máis entusiastas membros.

Tan intensa dedicación a esta fe poética explica a aparición de Esplendor arcano, o seu primeiro libro de versos, que é tamén o volume cabezaleiro do propio Xalundes, quen figura como selo editor desta obra, discreta na súa aparencia material, pero acaidamente fermoseada dende a cuberta (velaí a ilustración liminar de Alba Torres Ferreiro) ata o remate (co broche dun poema-epílogo de Pedro Casteleiro).

O poemario de Torres é todo el un big bang versal de longo alcance. Polas súas páxinas señorea a escrita cósmica, astral en plenitude. Composicións que saben da materia estelar, as “galaxias interiores”, os “múltiplos cometas” e esa “estrela/ perpétua que/ vive sobre/ as sombras das/ casas”, a mesma se cadra que aluma esta “brillante cosmogonia” poética.

Unha lírica de fusión universal do Eros, territorio propicio á pulsión dos corpos, á cópula solar e unha “arquitetura de artérias/ inflamadas em nós”, sempre “poderosamente nus,/ quebrando os/ ossos do medo” ata a víscera última […]. {Ler máis en Praza Pública}

Armando Requeixo