Friso de destrucións e derrotas

Alberto Ramos sabe de satisfaccións e contentamentos por conseguir premios literarios. Tres libros de seu, malia a súa xuventude, e os tres galardoados. Pero tamén sabe, porque o viviu en carne propia, das angustias, mágoas e traxedias dun despedimento laboral, iso que a terminoloxía burocrática e oficial, que forma parte do noso vivir cotián, chama eufemisticamente un ERE de extinción. E desa sensación de desespero, culpabilidade, depresións e alienación trata esta novela, como salientou o xurado que lle outorgou o Premio Risco de Creación Literaria o pasado ano. O paralelismo, xa logo, entre a situación persoal e a do protagonista de Todos os días semella indubidable e non só circunstancial. O mesmo autor recoñece que na novela hai elementos biográficos. Con todo, a historia de Todos os días transcende as continxencias e circunstancias biográficas e retrata de xeito moi acaído as sensacións e os pensamentos que necesariamente se incuban e acaban por estourar en calquera das moitas persoas que están a pasar por semellante situación traumática: un infranqueable muro do baleiro, da desolacións diante dos ollos e a todas as horas do día. Un valado sen portas nin fiestras e que hoxe ten un nome tan cotián e repetido.

Mais este libro é unha novela, estamos, xaora, no terreo da ficción, esa ficción que o aproveita todo e non pode deixar de lado as pavorosas complexidades do momento presente e esa inmensa balloada de “cadaleitos” que está a deixar a crise económica, laboral e con todos os apelativos que se lles queira engadir. Todos os días é unha das primeiras novelas que retratan as causas e os efectos desa crise maligna, convertida en despedimento, nunha persoa: a alienación, a morte por dentro.

A materia que alimenta estas páxinas é unha das tantas “semanas negras” dun mozo xornalista de vinte e sete anos, doces meses despois de que o xornal no que traballaba, pechase por un ERE de extinción. O autor, comezando por un título moi apropiado, capta a ruindade e perversión do presente, sen elisións nin escamoteos, O protagonista no ten nada que facer, dálle igual que sexa un día ou outro. Todo é inhóspito, triste, unha aliaxe de desacougos, baleiro, ata o punto de que a cama é o seu único aliado. Nela pasa mañás e moitas tardes de comatoso, para roubarlle horas ao tempo, a eses días que son todos iguais. Ninguén o chama para unha entrevista de traballos, non ten en que ocupar as horas. Os problemas familiares e os consellos do amigo, a voz crítica da súa conciencia, soamente acentúan a sensación de baleiro […]. {Ler máis en Novenoites}